Entrevista a Brais Sánchez (Braishtalung)

Hoxe en Galicia Alive estamos contentos de poder ofrecervos a entrevista que tivemos con Brais Sánchez. Este músico galego afincado en Barcelona presenta o seu novo proxecto en solitario: Braishtalung.

Benvido Brais, como estás?

Ben, gracias.

Para comezar Brais, para a xente que non che coñece, cóntanos un pouco como chegaches ao mundo da música. Cales son as orixes de Brais “o músico”?

Pois as orixes, supoño que son antes de ter calquera instrumento. Cando estaba na casa escoitando calquera grupo que miña irmá poñía. Eu xa estaba flipando cos instrumentos. Pese a que comecei a tocar moi tarde, comecei con 18 anos. Recordo que daquela había moitos grupos en Noia, bueno, como agora. Estaban Os Paralelos, KertulerStrabissmo aínda non empezara, pero había algo deles aí. Acórdome que iamos a ver os ensaios desa xente e un día comecei a tocar a guitarra. A miña obsesión era tomar moitísimas horas ao día. Empecei a tocar 10 – 12 horas ao día e nun ano e pico estaba tocando bastante ben. Xa tiña bastante nivel.

Por que a música e non outro tipo de arte? Que che leva á música?

Bueno, supoño que a música porque nese momento con 18 anos é ao que te dedicas: escoitar música, fumar porros e beber. Non me chegou ningún outro tipo de arte. Agora con esta idade (27 anos), vas coñecendo outra xente e si me van chegando outras cousas. Pero supoño que a música pola facilidade. A facilidade de comprar un instrumento, de escoitar música… de todo.

Actualmente vives en Barcelona. Que che levou a vir a Barcelona? Cal foi a razón pola que un músico de Noia decide cambiar a Barcelona?

Naquel momento porque quería vivir nun sitio grande, quería vivir nunha cidade grande, quería probar como era o ambiente musical noutro sitio. Vivía en Santiago e a miña moza viña estudar a Barcelona. Eu comecei a mirar escolas de música, xa que daquela estaba moi obsesionado, porque sonche así, un tío moi tranquilo nada obsesionado coas cousas – comenta con retranca. – Había unha moi “guai” que se chama Taller de Músics e vinme a estudar aquí. Pero máis que nada para ver como era o ambiente musical nunha cidade grande.

Que che aporta Barcelona que Galicia non podería?, e viceversa, que che aportaría Galicia que Barcelona non che dá?

Galicia… – pensa – Cando penso na xente de alí, por exemplo, gustaríame moito máis terme desenvolvido alí como músico. Gustaríame poder tocar alí e, dende alí, moverme a outros sitios a tocar. Pero naquel momento non o vía viable. En Galicia, a proximidade é máis inspiradora porque para compoñer, parece unha estupidez de artista, pero en realidade penso moito Santiago. Non só nas rúas, en todo, o ambiente que se respira alí.

En si Galicía é inspiración, entón?

Si que o é. Pero non só os montes, ghaitas… senón todo, eh! O olor a ghasolina, o olor do tubo de escape do bus que collía… Eu que sei, tolerías. Aquí iso non o teño. O que si me aporta estar aquí é poder sacar adiante todo isto.

Escoitamos algunhas das cancións de Braishtalung, – pronunciando como se fose grave -, pronuncieino ben?

Braishtalung – dando forza a última sílaba, corrixe – Eu non sei come é tampouco. – ri.

O teu novo proxecto. De onde vén o nome? Que significa a parte que se engade ao teu nome?

Pois os talungs veñen sendo uns pico de sete mil e pico metros no Himalaya. Aparte un “talung” é unha marioneta de sombras asiática que molan moito, e teñen gracia. Un mesmo nunha montaña sendo unha marioneta ou ser unha montaña de esas magnitudes (risas). Ademais hai unha palabra alemana que me dixo unha colega túa, B. Soto. A palabra é Brainstralung e representa un tipo de radiación. Así que a palabra ten gracia. Que cada quen escolla a que queira.

Que podemos esperar deste proxecto? Que tipo de música?

Neste proxecto o que podemos esperar é a alguén que intenta ser moi sincero. Pero moi sincero, aínda mentindo. 

Que quere dicir isto?

Isto quere dicir que só quero facer cousas que me saian moi de dentro. Nada forzado. Nada en base a ningunha idea. Algo directo, dende dentro. Sen adornos, con todo o sufrimento e con todo o que haxa aí dentro. Non modificar unha idea que me apareza despois. Sempre dentro dunha forma bastante pop, con pautas moi marcadas.

É máis improvisación, entón?

Non, non. Por iso digo, sempre dentro dun contexto de música con partes de música moi diferenciadas dentro das cancións. Non hai nada experimental como tal, salvo algunhas partes nas que se me pode “ir a olla”. Eu fago música así: AB AB. Non hai complicaSión ningunha, para iso estudiei – di mentres ri. – para saber catro cousas.

Escoitamos algúns temas do proxecto e entrounos a curiosidade, por que galego e inglés

O motivo de cantar en inglés é porque dende pequeno escoitaba música en inglés. Cantar en inglés para min é como escoitar a Paul McCartney . Bueno, Paul McCartney non, que non me ghustou nunca. Eu que sei, alguén que me ghustara… calquera.

Como che dicía se intentaba facer unha música que saíse moi de dentro, con todos os seus pros e as súas contras, o idioma teríame que saír de dentro tamén. E neste caso non hai máis ca o galego. Ou sexa, digamos que o inglés me aporta que a sonoridade me encanta; e o galego, a parte da sonoridade, as palabras ao cantalas prodúceme outra cousa.

Que influencias (musicais ou non) tes e como inflúen túa música? 

Bueno, supoño que escoitando a música xa se sabe: Elliot Smith, tamén o foi José González, aínda que agora me aburre bastante o tipo este, e sobre todo Nick Drake. Cando escoitei a Nick Drake foi como unha parada total. “Este tipo, que está facendo coa guitarra?” – di rememorando – Parecía como que había moitas guitarras. Esa forma de ver a guitarra e enlazar as melodías da voz coa guitarra, os ritmos… Considero que el é a miña máxima influencia. Aínda hoxe non son capaz ver un documental del, teño un libro na casa que non o lin porque non podo.

Que che aporta? Como o ves a el?

Non sei tío. Véxoo coma unha parte de min. Unha tolería… Coma unha persoa conectada a min, sendo unha persoa que morreu no ano 74 – explica. – Pero porque a súa idea musical me cadrou. A partir de aí a miña cabesa divagou e cheghou ata este punto de pensar que está dentro de min. En realidade é porque a súa música me chegou moi dentro. Ese estilo, esa forma de tocar… Eu estou a anos luz. Ademais engado que intento escapar del, artísticamente falando.

De Braishtalung, con que te quedarías do proxecto? Que canción escollerías? Pero non só cancións, que experiencias?

Pois por agora, como aínda non vai moito, quedaríame cos directos. Ao final sempre termino ghritando. A música é moi calmada, pero, non sei como fagho, sempre termino ghritando.

Pero… berrar? A que te refires?

Intentar cantar, pero estás berrando directamente. A xente quédase como… – solta unha onomatopeia indicando estrañeza.

Pero ben?

Pero mal alghunhas veSes. Isto é co que me quedo: con esas caras. Estou intentando solucionalo, non quero berrar. En realidade ghustame que sexa todo máis sensible. Queres chamar a atención porque a xente non che escoita. Queres chamar a atención e berras.

Que queres transmitir?

Depende da canción. Depende moito do tema. En xeral unha alegría inmensa non van a transmitir. Podes sentir unha alegría intensa se algún tema che encanta tanto que che completa como persoa. O que quero é plasmar o que eu sinto. Non sei que sentirá a xente, neste caso que vos dicía: auténtico pavor – di cun sorriso.

Para saber un pouco máis de ti. Onde podemos atopar a Brais? Onde podemos escoitar Braistralung? Cóntanos un pouquiño cales son os links: páxina web, redes sociais… En onde che podemos atopar en todos os ámbitos da vida?

Pois mira, na vida pódesme atopar perdido. Despois na miña casa e, falando da rede, como dixo Aznar: “estamos trabajando en ello”. O proxecto naceu en directo en Barcelona. A idea é facer un EP e con iso todo o que conleva: páxina, canal de Youtube…

Estaremos entón atentos.

Estade atentos. Deberíades.

Sei que es un rapaz que non para no mundo da música. Que outros proxectos tes máis palpables?

O máis palpable sen dúbida é O Gancho Sanches. Aínda que estamos nunha época de parón, xa que acabamos de gravar. Estamos no proceso de sacar un EP, que será o primeiro. Gravamos o pasado decembro e agora ata que fagamos a “mezcla” e mastericemos… Barcelona está a “full” con isto, hai cola, porque hai 4400 bandas en cada barrio. Pois ata marzo, abril ou así non teremos nada. O máis palpable é este porque ademais temos unha páxina web ….. e se buscas Gancho Sanches en Youtube tamén hai cousas nas que aparecemos juapisimos. Como o Lemursic que é unha canle de youtube de xente de Barna que traballa coas bandas locais, facendo falsos directos de uns poucos temas e mais entrevista. Podédela ver, saio moi nervioso – confesa. –  Hai tamén en Youtube algún directo en salas de Barcelona. Tamén hai unha páxina de Facebook na que se pode estar ó tanto de todo . Claro! Non son eu só!

Entón se escribimos Gancho Sánchez en Facebook aparece?

Gancho Sanches – corríxeme -, con “s” ao final

Calquera outro proxecto que se pode escoitar en breve alén de Braishtalung e Gancho Sanches?

Non. Bueno si. Podería divagar aquí sobre algún proxecto que quero facer. Pero nada firme. Hai un posible proxecto cun poeta sonoro de Barcelona, Víctor López, que fai poesía sonora, “canto mongol”. Ten un disco que se chama PHONO SONUS,no que experimenta con loops, poemas e canto,  increíble; e hai un proxecto con el, aínda que non está afianzado. De todos xeitos o máis afianzado é o Gancho Sanches.

Para rematar, cóntanos algo sobre ti para as persoas que non coñece, algo de Brais.

Isto dame verghonsa… – pensa e confesa – Non quero disir nada sobre min porque me vai a perjudicar.

Moitas gracias!

Gracias a ti!

Logo de ler a entrevista a Brais Sánchez, queda o máis importante: coñecer a súa música. Aquí queda un tema inédito que agradecemos que nolo reservase.

2 thoughts on “Entrevista a Brais Sánchez (Braishtalung)

  1. Pingback: DIE BRAISHTALUNG

Comments are closed.

Verified by MonsterInsights