Entrevista a Abel Tomé: A noite do Corvo

Partimos de Galicia Alive e transportámonos, pasando por Beth, ata chegar a Gothard da man de Abel Tomé.

Sabemos de Abel Tomé que foi nado en Outes en 1984. Tamén, que estudaches xornalismo na USC e que gañaches o premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro en 2012 xunto a uns compañeiros do grao. Tamén gañaches o primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía e que actualmente compaxinas a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos.

Boas, Abel, hai algo que nos deixemos sen citar?

Moitas cousas. Aínda que non fai falta dicir todo. Diremos que comecei xornalismo con 27 anos logo de traballar en algo que non tiña absolutamente nada que ver con iso. E que no segundo ano do grado matriculeime tamén en Ciencias Políticas. Agora téñoa en stand by.

Pois como deciamos ao comezo, hoxe imos meternos de cheo nunha novela de asasinatos e intriga: A Noite do corvo. Por ir gran a gran e para comezar forte, hai algo de ti no detective Gonçalces?

Ás veces é inevitable que unha personaxe non teña aspectos dun mesmo. Non falo de personalidade, senón de que sexa unha voz, un xeito de expresarme. E si, Gonçalves fai ás veces de emisor desa mensaxe, sobre todo no xeito de ver o mundo. As situacións de desigualdade na sociedade que expón na historia cunha mirada crítica cara Illa de Gothard ou a cidade de Beth. Tamén sobre certos estándares sociais como o amor, a familia ou as relacións entre as persoas.

Gonçalves é unha personaxe con moita relevancia na novela, mais cal sería a personaxe coa que máis te identificas?

Golçalves. Sen dúbida. É a personaxe coa que me identifico neses días noxentos, nos que queres mandar todo á merda. Aqueles intres nos que un non se atopa a si mesmo e non entende as situacións que o cercan. Así e todo, os dous axudantes tamén teñen certas características interesantes. Lúa é aparentemente tímida pero contén un incendio dentro das entrañas e que amosa nalgunha parte da novela. E Pietre é un rapaz solitario, consciente desa condición. Gústalle. Acéptaa. É un salmón, nada en contra desa corrente que nos quere impoñer a sociedade.

Na novela hai tres lugares ben diferenciados, aínda que os acontecementos son, principalmente en dous. Todos eles teñen unhas culturas e unhas costumes ben diferenciadas. Que hai de real nestes lugares? Que lugares inspiraron, se se pode saber, a Abel durante a escritura deste libro?

Supoño que todo é real. Non están inspirados en lugares concretos (ou si). Mais ben están inspirados en situación sociais actuais e históricas (si é que isto se pode diferenciar). Beth é unha metrópole como outra calquera. Contén unha parte degradante fronte a outra maxestosa. Existe unha ambigüidade. Algo que se pode ollar en calquera cidade. Logo está Gothard, unha illa machista, excesivamente tradicional, medieval e chea de mitoloxía onde o poder está, dende séculos, baixo o brazo de dúas familias. E por último, Galataz. É o lugar do que menos datos temos. Sabemos que fai tempo pasou algo que o cambiou todo. Deixémolo a intuición dos lectores.

Abel Tomé
Autor de A noite do corvo

É certo que os escritores precisades o voso recuncho de inspiración e o momento do día para escribir? Se é así no teu caso, como é ese recuncho e cando é esa hora do día?

Cada un terá as súas manías. Teño lido nalgunha entrevista onde escritores xa recoñecidos manifestaban certa predilección por lugares e horas concretas do día para poder crear e dar continuidade ás súas historias. Momentos que “inspiran”. Eu non posúo ningún recuncho particular nin intervalos do día concretos. Simplemente cando me apetece escribir, fágoo. En calquera lugar e a calquera hora. Tamén conta ter tempo para facelo.

Que foi o máis duro durante a redacción da novela? E o máis sinxelo?

Non existiu nada duro. Todo foi sinxelo. Non me custa demasiado imaxinar. Moito menos amosar esa imaxinación a través dunha canle como pode ser a escrita. Todo vai ao ritmo que ten que ir e durante ese traxecto xorden novas ideas que poden vir influenciadas pola música, o cine ou unha anécdota que escoitas un sábado pola noite. Todo, absolutamente todo, de xeito consciente ou inconsciente, ten a súa influencia. Teño moi claro o estilo. Frases curtas e sinxelas. Ás veces monosílabos. É o estilo de literatura que me gusta. Algo que fai moi ben Paul Auster, J. Kerouac ou Kurt Vonnegut que son autores referencia para min, non polas súas obras, senón polo seu estilo. A poesía tamén inflúe en certo xeito. E iso é o que procuro, unha linguaxe directa. Sen frases longas nin palabras dificultosas para a súa comprensión. Tristemente a xente non está acostumada a ler en galego e a miña maior preocupación era que entendesen ben o contido da novela. Polo de agora, ninguén se queixou diso.

Houbo algún motivo para escoller esta temática?

Podo dicir que a chispa da Noite do Corvo foi a idea de situar un lugar medieval e tradicional fronte a outro cosmopolita e moderno. A Illa de Gothard  fronte a cidade de Beth. Parecíame atractiva a idea na que dentro dun Estado existise unha rexión que se gobernase case independente pero que non evolucionase, que non dese o salto ao contemporáneo, á modernidade. Logo veu o resto. O asasinato dunha familia nun lugar misterioso como pode ser a casa dun faro e o tenente Gonçalves, un home que se atopa emocionalmente no fío da navalla.

Houbo só un final ou houbo varios e este foi polo que te decantaches?

Non. Só houbo un. No manuscrito orixinal existía un último parágrafo onde se deixaba todo moi claro. A editorial veu convinte un final no que o lector imaxinara esa última situación, por iso, optamos por eliminar este último parágrafo. Sen esas liñas todo queda un pouco máis aberto, aínda que, ao meu entender, é fácil imaxinar o que ocorre. Con todo, parece que acertamos con este feito porque moitos lectores me preguntan pola situación do final. Dubidan realmente o que ocorre nesa última escena. Iso mola.

Sabemos que está publicado por Editorial Galaxia. Foi moi complexo chegar a conseguir unha editorial?

Café, pastel de cenoria e A noite do corvo

Non. Pero ten unha explicación. Enviei o manuscrito a un concurso organizado pola editorial. Nas bases, o xurado tiña a opción de recomendar a publicación dalgunha obra que considerara axeitada. Polo que souben, A Noite do Corvo foi a que disputou o premio xunto a gañadora. Así que o xurado recomendou a súa publicación. Así de sinxelo.

Que consello lle darías a aquelas persoas que queren comezar a escribir?

Que non sei a que agardan. Penso que é fundamental nutrirse do que hai escrito. Ler. Ollar o que hai publicado. Incluso nutrirse das industrias culturais en xeral. Ir ao cine. Ver unha obra de teatro. Acudir a un festival de música. Viaxar. Logo ven o de erguerse do sofá e comezar a teclear. Deixar fluir a imaxinación. Ter fe na historia. E, sobre todo, crer nun mesmo.

Para ir rematando, pasamos á quenda das preguntas encadeadas. Tocarache responder a pregunta que nos deixou o atleta Rubén Ríos:

Cales son os pros e os contras de un xoven galego a hora de buscar traballo no estranxeiro?

Supoño que os mesmos pros e contras de calquera persoa nova que sae do seu fogar cara unha rexión cunha cultura e, posiblemente, un idioma diferente. A experiencia será enriquecedora en todos os seus vértices. Coñecer xente nova. Nutrirse dun novo ecosistema. Aprender unha lingua. Desenvolverse. Sociabilizar. Logo está o outro. O que pode saír mal. A antítese de todo o anterior. E o medo. O medo á experiencia tamén conta. Así e todo, os novos de agora están moi ben preparados. A maioría deles son rapaces que dende certa idade xa visitaron outros lugares. Eles desenroláronse nunha sociedade interconectada e globalizada. Así que, como dicimos aquí: malo será!

E tocará que nos deixes  a túa pregunta para a seguinte persoa ALIVE.

Dende hai uns anos, nunca se publicou tanta literatura en lingua galega. Pero, por outra banda, e segundo os datos, cada vez utilízase menos o galego como idioma para relacionarse. Non che parece algo contraditorio?

Agora para finalizar queremos darche as gracias por prestarnos parte do teu tempo e deixámosche o teu momento ALIVE para que comentes o que queiras.

Foi un pracer facer esta entrevista. Sempre é positivo que aparezan publicacións como a vosa. Diferentes. Atractivas. Que abarquen temáticas curiosas. E que se publiquen en galego. E aos lectores invitalos a ler A Noite do Corvo, editado pola Editorial Galaxia. Unha novela negra de aspecto diferente ao que hai publicado en lingua galega, con referencias á música, ao cine e a situación estrutural da sociedade. Non decepcionará.

 

Moitísimas gracias. Convidamos aos nosos lectores, como ben dixo el, que ler o seu libro que narra a historia de como catro membros dunha mesma familia aparecen mortos. Onde o tenente Gonçalves, e dous novos axudantes, Pietre e Lúa, se encargarán de descubrir como sucedeu. Sabemos de primeira man que non decepciona.

 

 

Axúdanos a seguir escribindo mercando en Amazon:

Verified by MonsterInsights