O día inicial da camiñata cara a capital galega. A verdade que dende o comezo en Sarria a sensación foi moi bonita. Nótase na xente que vai con boas sensacións e con gañas de axudar ós demais peregrinos. Aquí van as nosas experiencias. Para que vaiades completamente preparados, cómpre ter a información dos seguintes links presente:
SARRIA – PORTOMARÍN: 22km
A primeira etapa consiste en camiños rurais que se atopan entre as dúas vilas. Algo que destaca desta etapa é que atravesa o río máis importante de Galicia, o río Miño. O comezo do noso camiñar foi no Paseo do Malecón do Río Sarria, onde atopamos diversos murais con pinturas de peregrinos. Estas pinturas xa axudan a motivarte para facer o camiño. Seguimos as indicacións ata chegar ó acceso da Rúa Maior. A Escaleira da Fonte é ese acceso e un dos lugares emblemáticos de Sarria. Xa unha vez na Rúa Maior, atoparedes moitas edificacións das que falamos na publicación anterior (Chegar a Sarria): Xulgados de Sarria, Igrexa de San Salvador, Praza da Constitución, Concello de Sarria, Edificio do Casino, Igrexa de Santa Mariña… Unha vez comezamos a saír do pobo de Sarria, deixando atrás O Cárcere e o seu Mirador, sentimos a pureza do aire e as boas sensacións de deixar atrás as estresantes urbes. As seccións non son particularmente complexas, aínda que a orografía do terreo non permita establecer un ritmo constante nos primeiros 10 km. As vistas, as paisaxes, a tranquilidade e a historia do camiño pasan a formar parte de ti e xa te esqueces das dificultades que o terreo poida ocasionar. Pasas por moitas aldeas, en xeral, moi coidadas aínda que con moitas casas a punto de irse abaixo. (OPINIÓN PROPIA: despois din que hai problemas de vivenda…). As aldeas son fermosas e o contacto coa natureza comeza a limparte. A chegada a Portomarín é das máis bonitas. Cruzando a ponte nova sobre o Río Miño e subindo pola escalinata cara a Capela das Neves.
Tempo: 4-6 horas
MAPA
En este mapa se incluye los 5 días del Camiño desde Sarria hasta Santiago de Compostela.
HISTORIA
A Vila de Portomarín foi declarada Conxunto Histórico Artístico o 8 de febreiro de 1946. Isto débese ós numerosos vestixios arqueolóxicos que, en forma de medorras e castros, proliferan por todo o municipio: Castro de Catromaior, o Castro da Vires, o Castro de Bedro, Castrolobrixe , Castro de Vila e o Castro de Soengas. Os romanos construíron no século II a primeira ponte da vila. Os peregrinos usárona na súa peregrinaxe á tumba do Apóstolo Santiago, pois era unha dos poucas pontes que por aquel entón permitían cruza-lo Miño. Portomarín xa aparece citada como “Portumarini” no ano 792.
A orixe da vila parece estar ligado ao conde Don Gutierre e á condesa Dona Ilduara, pais de San Rosendo, bispo de Mondoñedo e fundador do Mosteiro de Celanova no s. X. Durante a Idade Media debeu de acadar gran importancia, ata o punto de contar con 3 ordes de cabalería: os Cabaleiros da Orde de Santiago, os da Orde do Templo e os da Orde dos monxes-cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén (o carácter guerreiro destes monxes explica o aspecto de fortaleza da Igrexa de San Xoán, coñecida como San Nicolás, ao estar situada no barrio de San Nicolás do Portomarín antigo).
No Códice Calixtino aparece Portomarín denominado coma Pons Minea (ponte do Miño), e xa entón era un fito importante do camiño xacobeo , sendo o seu maior esplendor sobre todo nos séculos X ao XII, cando Portomarín, paso obrigado do Camiño de Santiago é considerado un dos marcos máis importantes, tras pasar a cima do Cebreiro. No 1112 Dona Urraca ordena destruír a Ponte para frear o paso das tropas do seu marido, Afonso o Batallador, para reconstruíla 8 anos máis tarde.
Na historia recente de Portomarín destaca inundación a perpetua na que está o antigo pobo. Isto débese á construcción do Encoro de Belesar. Só en periodos de seca se poden visitar as ruínas da antiga vila. Algúns edificios de relevancia, como a Igrexa de San Nicolao, foron trasladados ó novo pobo pedra a pedra. Hoxe en día, o primitivo pobo está baixo as augas do encoro de Belesar. As obras iniciaronse en 1956.
O NOSO ALBERGUE
O albergue que escollemos para pasar a noite foi o Albergue Ferramenteiro. Como a tónica dos albergues durante os cinco días, este cumpriu o seu obxectivo. O trato do persoal foi agradable, incluso a pesares de chegar uns 15 minutos máis tarde da hora de entrada. O espazo para durmir constaba de moitísimas literas, aínda que a maioría están baleiras (recordemos que foi en maio). Ten lavadora e lavadoiro para lavar á man e un tendal bastante extenso.
Prezo: 10 €/persoa
ALBERGUES PÚBLICOS
Se queredes ver máis alternativas na web do concello pódense ver todos os aloxamentos dos que se pode facer uso en Portomarín.
QUE VER EN PORTOMARÍN?
Portomarín é un pobo relativamente pequeno, así que unha vez descanses de facer o camiño, podes adicarlle un tempo a coñecelo. Neste apartado facemos unha recopilación dos lugares que vimos e dos que non (sacámolos da web do concello).
Antigo Pobo de Portomarín
O antigo pobo de Portomarín, como xa se contou no apartado de HISTORIA, foi declarado como Conxunto Histórico Artístico o 8 de febreiro de 1946. Aínda así, foi afundido anos despois. Se o nivel do Encoro de Belesar é baixo, aproveita e saca enerxías de onde sexa para visitalo.
Ponte do Miño de Portomarín
A construcción da ponte antiga data do século II. A Ruta de Santiago foi dirixida a esta ponte porque era o único xeito de cruza-lo río sen utilizar balsas ou barcas. Coa creación do encoro de Belesar construíuse unha nova ponte.
Encoro de Belesar
O encoro de Belesar é o primeiro que sorprende cando se está chegando ó pobo de Portomarín. Para chegar ó pobo hai que atravesar o Río Miño pola Ponte Nova de Portomarín. Cando o nivel está moi, moi baixo, pódese ver a Ponte Romana de Portomarín, derruída e reconstruída por Dona Urraca no século XII. Pero sería o Xeneral Franco e o presidente de Fenosa os que fixeron que desaparecese para realizar a construcción do segundo encoro hidroeléctrico máis grande de Europa.
Escalinata e Capela das Neves
Logo de atravesar a Ponte Nova sobre o Encoro de Belesar, o pobo recíbenos coa preciosa escalinata. En canto se chega a cima das escaleiras, vese a pequena Capela da Virxe das Neves, situada nun arco da antiga ponte medieval no centro urbán da vila, no lugar que antano ocupara o hospital da Orde de San Xoán, coñecido como Domus Dei.
Igrexa de San Xoán – San Nicolao
A igrexa de San Nicolao, antiga igrexa de San Xoán, foi construída entre finais do século XII e comenzos do século XIII. Pertence ó románico tardío. Esta edificación foi declarada Monumento Histórico – Artístico o 3 de xuño de 1931. San Xoán de Portomarín é un dos edificios románicos máis impactantes, non só da provincia de Lugo, senón de toda Galicia. Salienta o gran rosetón, cun deseño xeométrico. Este foi un dos motivos polo que coa construcción da presa se decidiu trasladar a igrexa pedra a pedra a unha nova ubicación.
Castro de Castromaior
O Castro de Castromaior é un asentamento que data dos séculos II antes de Cristo ó século I despois de Cristo. Está situado ó carón do lugar por onde transcorre o camiño francés de Santiago cando se está a abandonar Portomarín. Paga a pena desviarse uns metros para contemplalo. O seu sistema defensivo de murallas e foxos descata ó igual que a súa monumental entrada fortificada polo lado leste.
Igrexa de San Pedro
A Igrexa de San Pedro data do século X, aínda que foi consagrada no 1182 polo bispo de Lugo Rodrigo II, segundo a inscripción que figura na portada do templo. Igrexa de orixe románica, declarada Monumento Histórico Artístico, foi trasladada pedra a pedra dende o antigo Portomarín cando as augas do encoro de Belesar asolagaron a vila.
Outros lugares
Se o que queredes é disfrutar algún día máis da estandía en Portomarín, podedes tratar de visitar os seguintes lugares ou realizar algunha actividade náutica das que se ofrencen gracias ó encoro.
Miradoiro da Buqueira
Parques
Portomarín consta dunha extensión moi grande de parques, a maior en casco urbán de toda Galicia. Entre eles están o Parque A Vila Xardín, o Parque Antonio Sanz, o Parque Manuel de Blas e o Parque Agustín del Río.
Ruta do Sendeiro Río Ferreira
Biblioteca Pública Municipal de Portomarín
Casa da Cultura
GASTRONOMÍA EN PORTOMARÍN
En Galicia cómese ben en todos os sitios, pero nuns máis ca noutros. Aquí están as tres cousas que hai que comer en Portomarín.
ANGUÍAS
Son famosas as empanadas de anguías, aínda que a versión que comemos no Restaurante O Mirador foi frita. A recomendación é que se probe a empanada se é posible, xa que a versión frita non permite disfrutar do sabor da anguía.
TORTA DE PORTOMARÍN
Deliciosa torta con masa de améndoa, fariña, ovos e azucre sobre masa de follado. O interior suave e esponxoso. Semellante á Torta de Santiago. Recoñecida a nivel internacional. Débenlle a súa exquisitez ós ingredientes naturais e a coidada elaboración artesanal, que fai que este doce sexa cada vez máis valorado.
AUGARDENTE DE PORTOMARÍN
A augardente ou caña é un licor elaborado a partir da destilación do bagullo ou bullo obtido da uva despois de fermentar. Esta bebida pódese probar en calquera lugar de Galicia, pero OLLO porque ten moita graduación. En Portomarín foi creada a Serenísima Orde da Alquitara, que xa conta con máis de 200 cabaleiros, investidos no Domingo de Pascua co gallo da Festa da Augardente, para promocionar este afamado licor. A augardente é o principal ingrediente da máis representativa bebida galega: a queimada.
Axúdanos a seguir escribindo
Para poder aumentar a calidade das nosas publicacións precisamos máis tempo. Podedes axudarnos mercando a través de Amazon. Deixámosvos os seguintes links que vos poden resultar útiles e interesantes:
REFERENCIAS
Galipedia – Castromaior Portomarín Patrimonio galego – Castro de Castromaior El mundo – Portomarín, el pueblo que se tragó el Río Miño Galicia máxica – Puente Urraca-2 Consumer. Camino de Santiago – Etapa de Sarria a Portomarín Concello de Portomarin