Entrevista a Beatriz Reboredo: A galega que está máis lonxe

Hoxe en Galicia Alive temos o pracer e a sorte de entrevistar a Beatriz Reboredo, a galega que se atopa máis lonxe de Galicia. Por se non recordades, dende a páxina de Galicia realizouse un evento no que estábamos á procura do embaixador de Galicia que está máis afastado na nosa terra. O evento levaba como nome Pursuit of Galicians that are far, far away from home.

Bos días Beatriz! Benvida!

Bos días

Para que todo o mundo o saiba, onde te atopas?

Atópome en Nova Zelandia, concretamente en Auckland, na illa norte. Aquí nas antípodas.

Como esta entrevista é a través da rede, hai unha pregunta que non pode faltar. Aí vai: que hora é aí?

Aquí son as 19:38 p.m., 12 horas máis ca en España.

De onde es orixinariamente Bea?

Eu son ourensana, filla dun lugués e dunha viguesa.

Así que hai mestura de provincias. Tan só falta Coruña.

Case de todos os sitios.

A que te adicas Bea?

Son física. Estou facendo en Auckland un doutoramento en física atmosférica. Se queres cóntoche un pouco de que vai o proxecto.

Paréceme ben, adiante!

O proxecto leva de nome Atmospheric Response to Tropical Diabatic Heating, traduciríase como Resposta atmosférica ao calentamento diatérmico nas zonas tropicais.

Sempre me custa un pouco explicalo de forma resumida pero basicamente traballo cunha versión en proba dun modelo atmosférico. A importancia disto está en que existe unha oscilación/perturbación na atmosfera que comezou a estudarse fai xa uns cantos anos, Madden-Julian Oscillation, e é un evento, como podería selo El Niño e La Niña, que afecta á predictabilidade meteorolóxica. Os modelos numéricos actuais, que son sobre os que traballa a meteoroloxía, a base das prediccións, non son capaces de distribuír, por decilo dalgunha maneira, a enerxía na atmosfera de xeito que este fenómeno apareza reflectido e polo tanto os prognósticos vense afectados. O ideal sería desenvolver un modelo que, pola súa configuración interna, sexa capaz de ter en conta todos os procesos que interveñen na meteoroloxía, absolutamente todos, pero como sabemos se isto fose así as predicións serían exactas e non é o caso. Todo é susceptible de ser mellorado e eu estou traballando ou aportando o meu gran de area.

Vale, vale...

Se non quedou claro despois explícocho máis en detalle.

Moitas gracias. Agardo máis información entón para acabar de entendelo – risas. – Cambiando de tema, canto tempo levas aí?

Pois cheguei a mediados de agosto. Sete meses xustos van facer mañá.

Sete meses…

Pasan voando!

Que leva a unha física a atravesar medio globo para traballar?

Pois mira… resulta que eu fixen o máster de meteoroloxía en Barcelona, como xa sabes, e cando terminei o máster tras facer as prácticas de empresa estaba bastante motivada para continuar no mundo da investigación, cousa que non me pasara cando fixen a carreira. Saín desmotivada… isto é a verdade – confesa. – Entón, que pasa?, que no máster atopei esa motivación que me facía falta para saber que quería. Se escoller entre continuar no mundo da empresa privada, que tamén me gusta, ou no mundo da investigación. Finalmente decanteime pola investigación porque nese momento me apetecía. O que fixen foi botar a todo o que aparecía, por dicilo dalgunha maneira; todo o relacionado coa meteoroloxía e con modelos meteorolóxicos, que foi o que fixen no proxecto final de máster: becas de investigación, programas de doutorado… A verdade é que tiven bastante sorte. Non vou dicir que todo ao que apliquei me saíra, pero si tiven a sorte de ter onde escoller. Ó final tiven que decidir en o BSC en Barcelona, o CIEMAT en Madrid e isto, pero dende que apliquei á beca de aquí estaba bastante decidida a collelo se saía. O que máis me chamou foi o país. Ademais o meu mozo estaba convencido de que se saía viña comigo. El levaba moitos anos traballando de fisioterapeuta en clínica e díxome que non lle importaba traballar de calquera outra cousa. Foi como consensuada (a decisión) porque, aínda que eu son moi de “veña va!”, se non tivese o seu apoio quizais non viña. El agora está traballando de asesor de estudantes aquí en Auckland nunha empresa que se adica a iso, asesorar estudantes que queren vir a estudar masters, diplomas… É unha empresa que por certo (cuña publicitaria) se chama Mint Studies e traballa con xente que queira aumentar o seu nivel de inglés, etc.

Segues a política actual do estado español?

A verdade e que vexo todo e intento ler todo o que podo e gústame estar informada. Estou moi metida a verdade.

Puideches votar dende aí?

Cala, cala… Discutín coa embaixada, vía email, pero discutín. Obrigábannos a inscribirnos como residentes, co cal perderiamos a tarxeta sanitaria. Un problema que está tendo moita xente.

Certo é, un dos cambios que houbo ao comezo desta lexislatura.

Eu quería inscribirme como non residente, xa que así podería votar igualmente. Dixéronme que non podía porque como estarei máis dun ano… Despois duns intercambios de mails entre a embaixada e mais eu, acabaron dicíndome que ou me inscribía coma residente ou non me inscribía. Entón o que fixen foi recurrir á Marea Granate.

Como funcionou iso?

A verdade é que moi ben. Aínda así quedaron moitos dos chamados votantes orfos, xente que está fóra sen poder votar.

Había moita xente involucrada?

Si, había. Ademais como isto vai por circunscripcións e son provinciais, entón ti terías que contactar con alguén da túa mesma circunscripción. Isto facíao moi complicado así que o fixeron por comunidade autónoma.

Foi moi fácil. Só tiven que esperar unha semana ata que me tocou turno, falei coa chica e moi ben. Ela incluso me enviou unha foto cunhas gafas como de incógnito votando, metendo a papeleta.

De onde era a rapaza?

De Ourense. Aproveito e mándolle un saúdo!

E en Nova Zelandia? Estás inmersa na políticia?

A verdade é que non tanto, non me entero moi ben. Si sei quen está gobernado, de que partido, como vai o tema agora co da votación da bandeira…

Votación da bandeira?

Si, vaise votar unha nova badeira, bueno, ou a que está, para o país.

Pero hai unha nova xa proposta?

Si. O certo é que había catro bandeiras propostas e a xente tivo que votar entre esas catro cal prefería. Agora teñen que votar cal prefiren: a actual ou a nova.

E isto a que se debe?

Débese a que a bandeira actual está moi ligada a ocupación británica. Hai xente que renega dela e desexa deixar iso no olvido.

Como saberás o nome do país ten dos nomes oficialmente: 1-09-2015_9-09-29_amNew Zealand en inglés ou Aotearoa en maorí. Supoñemos que as comunicacións co resto da xente son en inglés, ves de algún xeito no teu día a día o uso do maorí?

Esta pregunta está moi guai e oxalá puidera decir que si, pero non é o caso. A ver, as linguas oficiais aquí son o inglés, o maorí e a linguaxe de signos.

Eu antes de chegar aquí sabía da existencia do maorí, pero non sabía exactamente o uso. Non sabía se ti ías pola rúa e escoitabas a xente falar en maorí. Creo recordar que só un 4% da poboación fala maorí. Pola miña experiencia na universidade o seu uso redúcese ao saúdo e a despedida en mails e comunicados oficiais, que son nesta lingua. A parte, eu non coñecín na universidade moita xente orixinariamente de aquí. Coñezo maoríes, pero incluso dentro dos maoríes como etnia só un 30% fala maorí. É unha lingua que aínda estando moi protexida, polo menos o que eu penso, non se escoita moito, sobretodo en Auckland, que é unha cidade moi multicultural.

Cal é a palabra que máis che gusta?

Gústame moito “waka” que se pronuncia similar a ‘faca’ e significa canoa. Coñezo palabras coma ‘Kia Ora’ (é o saúdo), pā (é un poboado fortificado)… A maioría coñézoas porque cando vas visitar calquera enclave turístico cóntanche a historia de cómo chegaron os maoríes e hai moitas palabras ligadas á historia, que se conservan na lingua orixinal. Teñen unha palabra que sería en español “payo” para denominar aos brancos (non maoríes) que é “pākehā“. Ademais, lin antes de vir un libro ambientado aquí durante o colonialismo británico no que había moitas palabras maoríes. “Rangi” por exemplo, é ceo, e moitos dos nomes das vilas son tamén orixinariamente maoríes.

Ata onde eu sei viaxas moitos. Quédache moito por ver?

Si, non nos movimos da illa norte. Fáltanos aínda toda Nova Zelandia por visitar. É que hai mil sitios, aquí ves tres semanas e non che chega a nada. Viaxamos ao norte e ás illas que están máis preto.

Ademais de viaxar, que é o que máis che agrada de tomar a decisión de ir?

Unha cousa soa non podo dicir, é máis a experiencia en si. Aínda que boto de menos ós meus amigo e a miña familia. A sensación de que non é económicamente posible ir pasado mañá a casa agóbiame un pouco. Pero quédome co positivo. A experiencia, todo en xeral. Por exemplo, unha das primeiras cousas que visitei foi un volcán, xa extinto, que a min… buff – resopla indicando a súa impresión. – Pois a xente aquí non lle dá importancia. Pois como será o resto do país? – pregúntase asombrada.

A comida encántame. Hai comida de tódolos sitios: malasia, xaponesa, china… Comida do sudeste asiático.

Isto contéstamo en voz baixa. Que non che gusta?

Ah, non! Dígoo moi claro – contesta convencida. – Os prezos. É carísima, alomenos Auckland. No tema dos alugueres pode facerlle fronte incluso a París. Nin Barcelona nin Madrid son tan caros. O punto positivo é que os soldos son consistentes co prezo dos alquileres. O salario mínimo ronda os 1500€ ó cambio. Vas comprar leite e ao cambio non habería ningún por menos dun euro. E como co leite, con case todo.

E obviamente, como xa dixen, o feito de estar lonxe dos amigos e dos familiares – di mentres manda un bico que recollemos para eles.

E os pinchos, tamén os boto moito de menos.

Sendo de Ourense e nas datas que estamos supoño que botarías de menos o Entroido, que é o que máis botas de menos de Galicia?

É o primeiro Entroido na miña vida que non estou en Ourense. Na miña vida! – recalca. – Sempre fixen como fose para poder vir. É que fun a Ourense cando estaba de Erasmus… Para min o Entroido e os Magostos son… – cavila.

O máis, non?

Encántanme. Deume moita carraxe perdermo porque a parte ves as fotos… A charanga…

A parte do Entroido, que vexo que o tes moi arraigado, que outra cousa botarías de menos de Galicia en xeral ou de Ourense en particular?

De Ourense quédome coas festas de Magostos e Entroidos, pero tamén boto moito de menos o feito de saír a tomar algo. O que dis: “Vou saír a tomar algo.” Pois iso aquí non o fago, aquí non hai. Aínda que houbese cos prezos que hai non o desfrutas. Boto de menos ir de pinchos, así.

Tamén, comer o polbo. Na miña casa comíase a miúdo os domingos polbo. E a empanada.

Non pretendo dar envexa, pero eu onte comín polbo coas súas correspondentes patacas.

Ai! Así esmagadas.

Ti es das de “as patacas esmagadas”?

Si, si.

Unha pregunta máis. Coñeceches algún galego ou algunha galega que estea tamén aí?

Non, non. De feito entereime fai dúas semanas de que había un español traballando aquí na uni tamén. Pero galegos sei que hai unha parella que saiu n’A Voz de Galicia que viñeron aquí e ao final acabaron fundando unha empresa. Son os únicos dos que temos constancia.

Quizais se enteran agora eles por Galicia Alive.

Si, si – di ilusionada. – Eu busquei Galegos en Auckland no FB, pero non hai. O que si hai é Españois en Auckland, Españois en Nueva Zelanda… pero galegos non. Aínda que seguro que os hai e moitos, hai un galego na Lúa.

Para rematar, ao igual que nos debates políticos, deixamos os últimos intres para que nos contes o que queiras. Ou como pasaría no Luar, saúda a quen queiras.

Vou a ser moi breve porque xa dixen todo o que tiña que dicir. O que quero é enviar saúdos como no Luar.

Si, como no Luar.

Quero enviar saúdos a miña familia, aos meu Amiwitos (que non amiguitos), aos meus amigos e sobretodo quero enviar un saúdo ao meu afillado que está aprendendo a ler e sei que lle fará ilusión.

Dende aquí faremos todo o posible para que lle chegue. Moitas gracias polo teu tempo.

A ti.

4 thoughts on “Entrevista a Beatriz Reboredo: A galega que está máis lonxe

  1. A distancia que nos separa nunca fará mermar o amor que sentimos polos dous.O noso corazón viaxará onde queira que vaiades, ata a lúa se así o decidides. O teu afillado mandavos un bico e unha aperta enorme só pensa en ser coma ti e seguir os teus pasos. Que temblen os marcians!!!
    QUEREMOSVOS MOITISIMO

    1. A distancia que nos separa nunca fará mermar o amor que sentimos polos dous.O noso corazón viaxará onde queira que vaiades, ata a lúa se así o decidides. O teu afillado mandavos un bico e unha aperta enorme só pensa en ser coma ti e seguir os teus pasos. Que temblen os marcians!!!QUEREMOSVOS MOITISIMO

  2. Son unha tía de Bea,e alegrome un montón por ela,sempre foi moi boa nos estudios.Desesolle o mellor pra eles,inda que os votamos de menos.Sorte e moitos bicos.

  3. Eu son a madriña de Bea e non podo sentirme máis orgullosa dela, toda a vida estudando e por fin encontrou o que verdaderamente lle está facendo feliz aínda que está moi lonxe da nosa Terra Galega. Espero que todo lles saía ben tanto a ela como a Pablo, que xa o consideramos parte da nosa gran familia e o xesto de irse con ela tan lonxe alegrounos moito.
    Un bico moi grande para os dous da túa madriña, tío e prima e esperamos facer o día 2 de Xulio un Facetime deses

Comments are closed.

Verified by MonsterInsights