Chámome Pepe Mansilla, conto con 27 anos de vida e levo desde que teño uso de razón dándolle o lapis, tanto para escribir como para debuxar. Así se nos presenta Pepe Mansilla. Este coñecido humorista gráfico destaca polo seu inxenio e capacidade de representar a realidade, desvirtuándoa con moito humor.
Na súa época de estudante universitario, comezou a súa colaboración nos dous portais polos que é máis coñecido: en menor grao, o seu blog persoal Mansilla que te pilla onde sempre falou das teimas que tiña nese momento, sen ningún tipo de límites; e despois a sección La viñeta turka na web de información do Deportivo d’A Coruña en riazor.org. Sen dúbida, esta última é a obra pola que máis se lle coñece.
A parte destes dous piares, este xenio do humor participou en diversos concursos e colaborou en distintas publicacións e fanzines: ‘Esplasbac’ editado por Kike Benlloch, ‘Enchufados’ dirixido por Euler Canal e a publicación autoeditada chamada eres ‘Eres Tonto’. Ademais, tivo unha tira online en galego sobre o paro chamada ‘Paradiños’. Entre as últimas creacións de historietas atópase ‘Degeneración democrática’ que versa sobre a campaña electoral do 20 decembro de 2015. Tamén dentro do mesmo eido publicou recentemente ‘As Tartarugas tamén votan’. Como reto persoal participou en Angouleme, onde debía de facer un cómic de 24 páxinas en 24 horas. Podedes ver o resultado aquí.
Cando lle preguntamos por que debuxa a súa resposta é sincera e contundente: Debuxo porque é o que máis me gusta. Gustaríame facelo máis e mellor, pero ás veces dedicarse ás profesións artísticas remata por ser un can que se morde a cola: inicias por hobby e coa única pretensión de disfrutar, pero cando pretendes vivir diso se ti mesmo non valoras esa afección como un traballo, é moi dificil que a xente que lle quita valor e non o ve coma un traballo real, cambie de idea. E tes que buscar un traballo doutra rama para subsistir, e cando tes a sorte de atopalo, non podes dedicar tanto tempo a esa faceta creativa. Obviamente, isto non sucede con todos os artistas ou autores e cada un pelexa e insiste como pode, pero é un dos casos que suceden cos que non damos atopado o noso oco.
Dos seus próximos proxectos no que está traballando actualmente é a publicación dunha historieta en formato fanzine da que teremos máis información próximamente. Aínda que nos adianta que a publicación deste podería chegar durante este verán. Ten outros moitos proxectos pero segundo palabras textuais súas agardan o seu momento para saír.
Podedes descubri máis del en http://www.pepemansilla.es e así botarvos unhas risas.