Que hai detrás dunha mosca que loita con arañas?

Ben se sabe que moitas ideas xorden de conversas entre amigos. O caso de Cogomelo Games tamén foi polo mesmo camiño. A orixe de Cogomelo Games comeza n’A Coruña onde Alfonso e Abrahan compartían piso. Os dous sentían unha gran paixón polos videoxogos e levaban tempo pensando en desenvolver un propio. O problema co que se atoparon foi que necesitaban alguén para que se fixera cargo da parte gráfica e artística. Cando coñeceron a Diego, un deseñador gráfico tan apaixoado polos videoxogos coma eles, non dubidaron en propoñerlle o proxecto.

Aquí os tres culpables:

Fonso_cartoon_boceto

Abrahan_cartoon_bocetoDiego_cartoon_boceto

 

 

 

 

 

En xaneiro de 2015 reúnense os tres e deciden comezar a colaborar para darlle vida a súa propia creación. Entre as ideas que xurdiron nesa reunión había unha que consistía nunha nave perseguida por foguetes e que, mediante manobras, podía facer que estes colisionasen con obstáculos ou entre eles. A idea xurdiu cando Alfonso estaba a ver unha escena da famosa película Guía do autostopista galáctico baseada no libro homónimo. A primeira pedra estaba posta.

Máis adiante, cada membro do equipo foi aportando o seu gran de area. A idea evolucionou para adaptarse a un público máis amplo. Onde antes se atopaba unha nave, agora había unha mosca. Ademais, os foguetes acopláronse ao abdome dunhas famentas arañas. O ambiente, o mundo e o estilo tamén mudaron. Diego tivo a ocurrencia de que a meta do xogador fose chegar ata unha graciosa caquiña, o que lle engadía un toque de humor e a chamada de atención necesaria para que o público se fixase no xogo. Unha semana despois xa tiñan bocetos e ideas, polo que estaban listos para comezar o desenvolvemento. O xogo de naves e foguetes acabou por ser a historia dunha mosca tentando chegar ata a súa querida caquiña, ao mesmo tempo que fuxía dunhas malvadas arañas. O nome non podía ser outro que Fly Away.

Mentres levaban a cabo o desenvolvemento do produto decidiron apuntarse ao programa Yuzz para xóvenes emprendedores. Alí tiveron a oportunidade de gravar un video pitch para presentar o seu proxecto e mostralo nun evento nacional en Madrid, ao que puideron levar un prototipo do xogo. A ideFA_icon_01a gustáballe a todo aquel que o probaba. Todo isto animounos a dar o paso de elevar o proxecto a un nivel superior e tomar o rumbo de fundar un estudio para publicar Fly Away xunto con outros futuros proxectos.

A elección do nome do estudio foi complicada e durou varias semanas. Fixeron unha listaxe con máis de 100 nomes: uns divertidos, outros sen sentido, serios, por suposto, alguns relacionados con Galiza… Decidiron entón que os seus amigos e familiares escollesen o nome dunha listaxe con 20 distintas posibilidades como: Fly Away Games, Cocorn, Misto Games ou Chisqueiro Games… Ao final o que se alzou coa vitoria foi Cogomelo Games, xa que, ademais do chisco a Galiza, o cogomelo tamén representa unha das iconas máis recoñecidas no mundo dos videoxogos grazas a Super Mario.

Un dos piares fundamentais sobre os que se asenta o estudio é o valor que se lle da a opinión da xente. É por iso que se decidiu que as enquisas, como a que se fixo para escoller o nome, fosen unha ferramenta presente nas súas creacións, e que os usuarios colaborasen na evolución dos proxectos.
En setembro, Cogomelo Games remata en primeira posición da edición coruñesa do programa Yuzz, grazas ao cal, Abrahan puido viaxar ata Silicon Valley para seguir aprendendo da man de expertos sobre como sacar adiante o proxecto.

En outubro, o estudio foi seleccionado para participar no programa Galicia Open Future. Ao mesmo tempo tamén conseguiu entrar a formar parte do viveiro de empresas da Universidade da Coruña.
En decembro de 2015, algúns amigos, familiares e compañeiros próximos ao equipo de Cogomelo Games puideron probar unha fase Alpha de Fly Away. Despois das súas primeiras críticas, realizáronse modificacións que alongaron o desenvolvemento e que permitiron mellorar certos aspectos do xogo que se están a testar mediante unha Beta lanzada en xuño deste ano.

O que comezou sendo un modesto videoxogo en 2D sobre unha mosca, converteuse nun xogo que mestura 2D e 3D, no que se inclúen novos escenarios, inimigos e poderes aderezados con divertidas animacións. Pódese dicir que Fly Away viviu un auténtico proceso de metamorfose durante este tempo, sempre coa finalidade de ofrecer a mellor versión posible aos usuarios, e que estes poidan apreciar que Cogomelo Games ten en conta os seus gustos e opinións.

Dende Galicia Alive desexámoslle a maior das sortes, tanto á mosca como a Cogomelo Games. Ademais deixámosvos as ligazóns para que poidades disfrutar deles en todas as redes sociais:

Facebook: Cogomelo Games

Twitter: @CogomeloGames

Blog: http://blog.cogomelogames.com/

Web: http://blog.cogomelogames.com/

 

Verified by MonsterInsights