Éxodo Urbano

 

De regreso á segunda urbe máis grande da Península Ibérica, logo de varios meses sen pisala por ter a sorte de teletraballar, vinme con tempo suficiente de ordenar algunhas ideas con respecto á forma na que está estruturada España e ás deficiencias que ten.

Conducindo polas estradas de Galicia, Castilla e León e Aragón e as provincias de Lleida, Navarra e La Rioja atopábame casas antigas abandonadas e terreos sen traballar. Ver isto parece incompatible con ter problemas de vivenda e situación de fame nas grandes cidades na situación actual de pandemia e pre-crise económica.

Queda claro que este modelo de concentración da riqueza (e con iso de persoas) nas grandes urbes de Barcelona e Madrid e nas Vascongadas non funciona. Unha consecuencia deste modelo caducado foi e actualmente é a ausencia de valentía para pechar Madrid, “o corazón do Estado”, Barcelona, quizais o poderíamos chamar “os pulmóns do Estado”, e as Vascongadas, “os riles”, por exemplo”. Non resulta raro que nestes lugares estean os nacionalismos máis importantes do Estado: catalán, español e vasco. Son estes os que levan repartindo os presupostos dende os inicios da Democracia e, como ben é sabido, o que reparte sempre leva a mellor parte. Sen embargo, con isto da Pandemia da pneumonía de Wuhan, máis coñecida como covid, quedou claro que a concentración da riqueza nestes tres lugares é un modelo de estado errado. Gábase a Presidenta de Madrid de que as estruturas do Estado fan que todo pase por Madrid. Non queda claro con esta pandemia que é un erro? Pide o President de Barcelona e provincias que non se visite Madrid sendo eles o segundo maior foco. Non sería mellor que pedise ós barceloneses que non saísen para non expandir o virus sen entrar nunha confrontación de naZionalista? Volve a negociar o Lehendakari vasco o seu privilexiado concerto vasco. Non teñen suficientes privilexios? Chegarán os fondos europeos e premiarán a estes lugares con máis diñeiro por ser os máis afectados, os máis incompetentes. Xa sabemos quen reparte e quen leva repartindo máis de corenta anos. Ante esta situación queda evidenciado que para poder pechar un territorio a economía non pode depender en tan grande medida destes lugares.

Existe a posibilidade do Éxodo Urbano, recuperar as pequenas cidades, os pobos e as aldeas para que estas adquiran unha maior importancia na economía do país. Esta é a oportunidade que teñen as Comunidades Autónomas que están a perder poboación de recuperarse. Deben preparar os pobos para acoller este tipo de servizos que permitirán mellorar a súa economía e esixir que o retorno. Non só as CCAA, tamén falta que os 23 representantes galegos, os 23 deputados que están no Parlamento dos Deputados, fagan o que teñen que facer: Defender os intereses de Galicia sen pensar nas cores políticas. Con eles deberían traballar os andaluces, asturianos, cántabros, extremeños, leoneses e castellanos, comunidades que levan perdendo poboación en toda a Época Contemporánea. Os emigrantes estamos a reclamalo dende os inicios das emigracións masivas. Queremos volver e queremos facelo en condicións. Somos moitos os emigrados que nos encantaría ter as mesmas oportunidades en todo o Estado. Por que ningún español entendería, como dicía o ex-Ministro Solves, unha Tarifa Eléctrica Galega? Pero si ten que entender que nas vascongadas teñan a Tarifa Eléctrica Vasca, concedida polo mesmo Partido Popular. Ademais, temos que entender que nas propias Vascongadas, en Madrid e Barcelona se teñan moitas máis oportunidades que nas outras provincias. Cando mal fai usar a palabra igualdade e canto ben nos faría volver a respirar e non estar apilados en pisos e enlatados en metros e trens de proximidade.

 

AXÚDANOS A SEGUIR ESCRIBINDO

Para aumentar a calidade das nosas publicacións necesitamos máis tempo. Podes axudarnos mercando través de Amazon. Deixámosvos os seguintes  que poden resultar útiles e interesantes:

Verified by MonsterInsights