Deprecated: Creation of dynamic property WP_Members::$style is deprecated in /var/www/vhosts/galiciaalive.com/httpdocs/wp-content/plugins/wp-members/includes/class-wp-members.php on line 558
A situación do galego en Asturias

A situación do galego en Asturias

A semana pasada falamos e agradeciamos a un auxiliar de voo que nos dese as instruccións na nosa lingua nun voo dende Galicia. Agora ben, como está a situación do galego nos lugares fóra das súas fronteira? Falamos con Carlos Xesús Varela Aenlle, investigador universitario que se adicou durante moitos anos a seguir a evolución do galego nos lugares entre o río Eo e o Navia, e isto é o que nos conta:

 

A situación do galego en Asturias é preocupante, por mor de diversos motivos e moi dispares. Entre eles, a perda de poboación comarcal no Eo-Navia, unha situación de fronteira onde a poboación moitas veces non é capaz de xebrar entre identidade e lingua, o poder sentirse asturiano completamente e falar galego; por outra banda, a polémica desatada todos estes anos sobre a súa nomenclatura e a súa filiciación lingüística medrada especialmente por tres eixos: un medio xornalístico contaminante La Nueva España, unha academia allea (a Academia da Lingua Asturiana) que consegue a potestade legal dun xeito retorcido e a falta de concienciación na propia Galicia.

Bandeira de Asturias
Bandeira de Asturias

A poboación que fala galego en Asturias é de máis ou menos 40.000 persoas, sendo porcentualmente maior cá do asturiano, non existe unha norma definida, só unhas propostas e o incumprimento de decretos de semi-oficilidade é constante, a toponimia non se respecta por parte do goberno do Principado e o apoio á cultura eonaviega é moi feble.

Desde Galicia sorprende que as forzas políticas máis conscientes case nunca falen da situación das comarcas estremeiras de lingua galega, nin tampouco as institucións (Universidades, Xunta de Galicia, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega) ou aquelas asociacións culturais que podería mesmo tender pontes de colaboración.
Ademais en Asturias hai outra lingua, o asturiano, que se move nun magma de movementos, asociacións e persoas individuais, que raramente converxen coa idea da protección da lingua galega e de chamarlle polo seu nome, aínda que nestes derradeiros anos se avanzou neste eido abondo, e non existe o rexeitamento inicial. A unión das dúas loitas lingüísticas favorecía a todos sen dúbida ningunha.

A temática sobre o galego de Asturias é amplísima, existe un bo número de escritores, bastantes obras literarias, aínda que se está a perder moito patrimonio inmaterial. Desde logo un dos grandes problemas é a falta de apoio por parte das institucións galegas que deberían tomar todo o territorio lingüístico coas mesmas condicións e buscar a colaboración entre as partes, como aconteceu nalgúns aspectos como no ensino no Bierzo.

 

Agradecemos a Carlos Xesús Varela Aenlle a súa sinceridade ante este tema que para moitos galegos é descoñecido. Deixamos a páxina de facebook onde poden seguir e informarse máis da situación da nosa lingua en terras asturianas:

https://www.facebook.com/galegodeasturias/

 

Verified by MonsterInsights