Retranca a canadense: Dende Noia ao Canadá

Hoxe en Galicia Alive temos o pracer e a sorte de entrevistar a Maria Barreiro, unha galega que se atopa lonxe de Galicia. Por se non recordades, dende a páxina de Galicia realizouse un evento no que estábamos á procura do embaixador de Galicia que está máis afastado na nosa terra. O evento levaba como nome Pursuit of Galicians who are far, far away from home e Maria foi unha das persoas que estaba lonxe de carai.

Boas noites Maria Benvida! Para que todo o mundo o saiba, onde te atopas?

Boas! Pois agora mesmo en Riviere-du-Loup, provincia de Quebec, así que no Canadá.

Como esta entrevista é a distancia, e aquí agora mesmo son as 21.46 pódesnos dicir que hora é aí?

Pois 6 horiñas menos, así que son as 15:00 da tarde. Cousa que complica bastante comunicarse ca terriña. Ou vós estades durmindo ou nós estamos collendo o sono.

De onde é orixinariamente Maria?

Eu son de Noia, da Alameda mesmiña, no medio e medio da festa.

Entre neve

Entre neve

Bueno, agora que xa sabemos que andas polo Canadá. Podes dicirnos que foi o que che levou a esa terra tan fría?

Despois de estar traballando por Europa adiante e voltar á universidade, apetecíame cruzar o charco e apareceu unha boa oportunidade: unha “beca” de intercambio para o último ano de estudos.

Pero realmente a túa aventura, tanto estudiantil como xa laboral, non comezou aí. Andivestes por terras catalanas, francesas… Cóntanos un pouco, só se queres, a experiencia en cada unha delas e o que botabas de menos en cada sitio de Galicia.

As miñas aventuras xa comezaron de pequena cando meus pais me mandaban ós campamentos de verán, que aínda que ía a regañadientes, logo non quería voltar. Logo marchei a Santiago a rematar o bacharelato e de aí empezaron as aventuras no estranxeiro: Marbella, Inglaterra e Francia… Facendo prácticas de hostelería. Tras pasar dúas tempadas de inverno nos Alpes franceses decidín voltar e cambiar de rumbo: estudar tradución. Iso foi en Barcelona e de aí a Quebec, como vos dicía, a rematar a carreira. Con tan boa sorte que o ano seguinte conseguín voltar a traballar e aquí sigo despois de 4 anos.

A verdade é que o que máis se bota en falta, independentemen de onde me atopara, era o noso carácter retranqueiro e a boa comida… anda que non ían as maletas cargadiñas entre Santiago e Barcelona! Pulpo conxelado e todo!

Canto tempo levas agora polo Canadá? Tes pensado quedar moito tempo por aí? Tes en mente outro sitio ou voltar a terra?

Nestes últimos 5 anos vivín en varias cidades de Quebec: Quebec mesmo, Montreal e agora RDL. Pasar dunha gran cidade a unha cidade máis pequena coma esta (20.000 habitantes) sempre leva incorporados desafíos e esixe unha adaptación. Este pobo parécese moito á nosa terriña e, sobre todo, á nosa costa coas montañas non moi elevadas e redondiñas e o mar ben preto. O único é que aquí non estamos a falar do océano senón do río San Lourenzo, salgado neste punto, pero río.

Polo de pronto estou ben instalada nestas novas terras de adopción, pero non descarto seguir coñecendo o país (e que é enoooorme!). Para iso primeiro hai que arreglar os papeis e iso leva tempo, moito tempo, moita paciencia e uns cartiños.

Como cando marchei a primeira vez de Galicia foi por decisión propia, nunca descartei voltar. A pena agora mesmo é que plantexarse voltar non é viable e menos nunha profesión coma a miña na que normalemente “vale calquera”.

Que fai Maria en terras canadienses: traballa, estudia…?

Traballar sí, pero disfrutar tamén! Estando de directora de aloxamento nun hotel de 110 habitacións non che deixa moito tempo libre, pero en canto se pode faise unha escapadiña para visitar os arredores. E ca disculpa de estares informada de toda a vida cultural da zona, aproveitase ben para participar en mil aventuras.

Por certo, como se levaron por aI as eleccions americanas dende o país veciño?

Aquí mírase con moito recelo ós veciños de abaixo, non só polo que poida afectar indirectamente senón porque moitos quebequenses teñen a súa segunda residencia en Florida, asi que xa vos podedes imaxinar. Só para darse unha idea, a páxina de inmigración do Canada bloqueouse tras coñecer o resultado das eleccións… e os chistes sobre como se veu a campaña electoral nos Estados Unidos estaban á orde do día.

Cales son as maiores diferenzas con respecto a Galicia? Educacion, sanidade, mundo laboral… tanto boas como malas. Sen censura: alugueres, comida, idioma…

Polo que levo visto e vivido hai moitas cousas boas, outras non tanto e outras moi semellantes a Galicia.

Hai algo que chama moitísimo a atención de todos os que vimos de fóra: o respecto. Aquí unha cola é unha cola de verdade e respétase a orde de chegada. Nos supermercados moitos productos están colocados fóra, sen candados de seguridade nin nada, págase na caixa e ó saires colles o que pagaches.

Facendo patria dende Quebec

Facendo patria dende Quebec

Aínda que é verdade que ás veces pásanse un pouco pedindo perdón por todo. Chegáronme a pedir perdón nunha cola porque o que ía diante miña, pois ía pedir antes ca min, como é lóxico. Tamén me pasou unha vez no hotel cunha chamada, puxen en espera a unha clienta e cando voltei coller a chamada o primeiro que dixo foi perdoa por molestarche, seguro que estabas ocupada e eu chamando. Pero polo que teño oído, iso é máis do carácter anglosaxón, estes quebequenses son máis rabudos.

O sistema sanitario canadiense é famoso por ser gratuíto, e así o é. Aseméllase moito á nosa seguridade social, para o bó e para o malo. Cando vas a urxencias, vai con calma. Conseguir ter médico de familia pode levarche 3 anos como mínimo. Se estás como traballador temporal non tes dereito ó seguro dos medicamentos, así que pagas sempre todo… pero cando consigues entrar no sistema, alégraste de vivir tan ó norte do continente.

Outra diferenza enorme, que notei nada máis chegar aquí ó pobo, é que che valoran os teus coñecementos un montón. Danlle moita importancia ós estudos, ós teus traballos anteriores e ás túas aptitudes. En moitos traballos nin sequera se firma un contrato de traballo senón que ti empezas a traballar o día acordado e dúas semanas despois ou unha dependendo de como che coincida, ingrésanche o acordado. Sendo todo perfectamente legal. A palabra vale moito. Coma en todas partes, hai excepcións, pero en xeral así sucede.

Agora imos a pornos un pouco sentimentais. Achégase o Nadal, imaxino que botarás de menos a familia, pero que é o que máis botas en falta destas datas?

Bótase de menos todo o ano porque están lonxe. Despois de levar case 10 anos fóra da casa, estas datas de nadal cóllense con outras ganas. Estea onde estea, as uvas non se perdoan e cómense coas badaladas da porta do Sol. Xa non digamos o día 22, ese día se fai falla ata me poño enferma, pero o sorteo da lotería non se perde por nada do mundo.

E non che podo mentir… a comida bótase a faltar moitísimo. Aquí cómese ben, pero os sabores non son os mesmos. O peixiño pequeno, esas cigaliñas de nadal, un bó caldo galego cos seus greliños e o seu chourizo, sobre todo os chourizos galegos dos que se comen, así – indica co xesto – agarrando pola punta e a mordidas. Pouco a pouco vannos chegando cousiñas ós supermercados de aquí e vaise levando millor… A última, polbo español xa listo para comer. Iso quedará para celebrar o Nadal e darlle un toquiño especial.

E que é o que máis se estrana? Pois o noso carácter, a nosa proximidade nas relacións humanas que á mínima xa estamos de ganchete ca persoa que acabamos de coñecer. Agarrarse, abrazarse, dar os dous bicos, tardar en despedirse e botar unha hora despedíndonos, xuntarse para comer e seguir sentados á mesa ás 9 da noite sacando xa algo que picar para logo cear… En resumo, toda esa familiaridade que tanto nos caracteriza, iso si que non ten precio.

Pasoume unha anécdota a primeira vez que voltei despois de dous anos sen pisar a nosa terriña, que cando a familia se boutou a min para achucharme, non mo esperaba e quedei tesa coma un pau! Costábame un montón que a xente me falara de tan preto, e xa non vos digo nada nos pasillos do supermercado, que a xente non fai máis que pegarse. Como podedes imaxinar todo acabou cunha boa lapote, santo remedio.

Ademais das festas do nadal, que outras festas estrañas?

O verán completo!!! Dende maio ata outubro! Esas nosas festas coa súa orquesta, a sesión vermut, os cacharros e as ganas de pasalo ben. Nótase moito a diferenza de carácter. Supoño que nas grandes cidades será doutra maneira, pero aquí onde vivo eu os que acaban participando en toda manifestación cultural rondan a media de 55 anos, non acabamos de saber onde queda a xuventude.

Frío sol

Frío sol

Unha pregunta máis. Coñeceches algún galego ou algunha galega que estea tamén aí?

Pois unha vez contáranme que por estes lares había un galego que casou cunha autóctona e construi unha casiña no medio do monte. Dixéranme que alí vivía cos fillos, pero nunca souben quen era.

Facemos un chamamento dende Galicia Alive a ver se o atopamos. Para rematar, ao igual que nos debates políticos, deixamos os últimos intres para que nos contes o que queiras. Ou como pasaría no Luar, saúda a quen queiras.

Pois gustaríame aproveitar para mandarlle un saudiño aos meus galeguiños e galeguiñas que andan pola nosa terriña e que nos 15 días de vacacións non da tempo máis que a darlles un abrazo e pouco máis, e tamén os que andan por fóra esperando o bó momento para voltar: Londres e Lima.

Graciñas por deixarme contarvos un pouquiño destas terras do norte e quedades todos invitados a vir probar os -40 grados cando queirades!!

Moitas gracias a ti. Aproveitamos este momento para felicitarvos o Nadal a todos os galegos que estades fóra. En especial a Bea, que polas mesmas épocas o ano pasado nos respondeu a algunhas preguntas dende Nova Zelandia, e, como non?, ti, María. Desfruta desa temperatura tan fresca e a todos os que nos leron convidámosvos a que lle botedes un ollo ao blog de María, onde nos relatas algunhas expericiencias por esas terras:

http://canadaajalleja.blogspot.com.es/

 
 
 

Axúdanos a seguir escribindo mercando algún destes artigos de Amazon ou mercando algo a partir dos links, só se o precisas.

 
 
 

Frío infinito

Frío infinito

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *