¡Que lástima de órgao e que pena de organista!

Posted on

No censo de intelectuaes que moran na nosa Terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badaxoz.

Disque algúns pasan a vida ensumidos nas Bibliotecas, para meteren no almacén da memoria todo canto se leva escrito, e que se un incendio queimase os seus libros serían capaces de reproducilos. Disque viven fóra do noso mundo e que cando morran debemos choralos, porque son sabios.

Disque algúns saben todo canto se publica en francés, inglés, alemán, ruso…, e aínda que nos seus miolos non nasceu endexamais a branca flor dun pensamento orixinal, saben catar as obras alleas e censurar as que se producen no país. Disque tolean por facer luz na escuridade, e que cando morran debemos choralos, porque son mestres.

Disque algúns afondan tanto nos problemas do esprito que non lles chegaría unha vida para daren dictame, e que nin con dúas vidas de profundación se decidirían a escrebir un libro. Disque estudan e cavilan en silencio, e que o día que morran debemos choralos, porque son pensadores.

Disque algún coñecen tan ben os arregueixos labregos e a maneira de curalos, que o día que falen haberá fartura nos agros. Disque a modestia non lles deixa abrir a boca e que cando morran debemos choralos, porque son técnicos.

Aínda queda moita fina caste pranto cando morran; mais eu quixera mellor homes de acción que loitasen polo engrandecimento da nosa Terra, sen medo ao fracaso, nin á censura, nin tan siquera ás pedradas. Porque hai que loitar e crear, e non imosperder a vida metidos nas tripas dos problemas.

Que cando un home dispoña dun órgao seipa tocalo para dar saída ás arelas do seu esprito, aínda que se rompa o aparello e teñamos que chamar por un amañador.

Castelao, Badaxoz 1935.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *