Iria, trotamundos nun pequeno pobo chamado Lima

Galicia Alive, trasladase ata o oeste de América do Sur, ata Perú. Máis concretamente ata Lima. Alí atopámonos con Iria, unha ferrolana que se foi a vivir a estas terras peruanas por amor.

Bos días Iria. Para que todo o mundo o saiba, onde te atopas e cóntanos un pouquiño quen eres?

Iria
A nosa invitada: Iria

Ola, pois atópome en Barranco, nun dos barrios máis bonitos desta cidade, que xa ronda os nove millóns de habitantes. Aínda que vos pareza incrible con tanta poboación, onde eu vivo parece como un pequeno pobo, onde todos nos coñecemos e nos saúdamos na rúa. Iso gústame moito.

Xa levo case tres anos neste país, logo de estar case outro tanto en Canadá, concretamente na cidade de Quebec. Pasar dos -30ºC a un verán que dura a metade do ano, como vos poderedes imaxinar, foi un gran cambio. Iso si, aquí non chove nun ano o que chove en Galicia nun día. Lima está no medio dun deserto. Pero no que se asemella a nosa terra é nas praias. Estas miran o Pacífico pero son bravas coma os nosas, aínda que máis cálidas. Non era moi difícil!

A adaptación foi bastante doada. A xente é moi amable e acolledora. Enseguida fixen amigos e atopei traballo de profesora nunha universidade, onde estou moi contenta.

Bueno, eu díxenche bos días por que aquí agora mesmo son as 10 da mañan, pero aí seguro que non!

Non, aquí son 6 horas menos, nesta época do ano. Nós non cambiamos a hora, así que cando en marzo vos a cambiades nos ides levades 7 horas de diferencia, o que fai máis difícil a comunicación coa familia.

Como é que unha galega, chega ata o Perú? Hai intención de retornar a Galicia?

Iria no barrio de Barranco, ben acompañada da súa cadela sen pelo, típica de Perú

Penso que meus pais me puxeron de nome Iria porque sabían que “iría” a todo o mundo. Fóra da terra xa levo máis de dez anos. Estiven en Bélxica, en Barcelona e logo en Quebec, onde coñecín a miña parella, Miguel, que é peruano. Así que, logo dun tempo papando frío decidimos que nos gustaba máis a calor e a xente do sur, máis que a do norte (de América).

De momento a Galicia intentamos ir todos os anos para visitar a familia e os amigos. Aínda non temos data para retornar, quizais máis adiante, nuns aniños. Agora temos un fillo e tamén me gustaría que poida vivir onde eu me criei. Xa veremos a onde nos leva o vento!!! Será do Nordés??

Xa que andas polo continente americano, podes decirnos se por aí se notou algo o cambio de presidente do goberno dos  Estados Unidos?

Penso que como no resto do planeta, a xente quedou abraiada e con medo do que poida pasar a nivel mundial. Como curiosidade, cóntovos que Obama despediuse dos seus actos internacionais como presidente precisamente en Lima, durante a celebración da APEC (Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico), que tivo lugar o pasado mes de novembro.

Pero a situación política de aquí non vaias pensar que é moito mellor. Este ano houbo eleccións e, aínda que perderon a presidencia por tan so unhas décimas, a maioría do congreso está ocupado polo partido de Keiko Fujimori, filla do ditador Alberto Fujimori, quen está actualmente no cárcere acusado de violación dos dereitos humanos, responsable de asasinatos, apropiación de fondos públicos… E a nivel local, ao novo alcalde de Lima se lle coñece porque “rouba pero fai obra”, así que xa vos podedes imaxinar cal é o situación.

A Rosa Náutica, un restaurante na costa limeña

Continuamos co tema de política. Segues a política actual do Estado Español? Se é así, cóntanos que opinas. Puideches votar dende aí?

Si, sempre leo os xornais coas novas de alá e a verdade que dáme pena que as cousas estean así. Non votei dende aquí, porque tardei bastante en inscribirme no consulado de España en Lima e non cheguei a tempo para as votacións. Pero sei por outras amigas que non é nada doado e que inclusive facendo todos os trámites a tempo, nalgúns casos non lles chegan as papeletas. Como sabedes, moitos dos que están fóra do país é porque non atopan traballo na terra, así que o goberno actual non lle convén moito que os votos dos emigrantes cheguen a tempo.

Cóntovos que ao pouco de chegar aquí, coñecín de casualidade a un grupo de españois que formaban parte da Marea Granate. Uninme a eles durante algunhas manifestacións de protesta que facíamos coincidir coas convocadas en España e que sempre remataban diante da casa do embaixador, que curiosamente é o meu veciño.

Cales son as maiores diferencias con respecto a Galicia? Educación, sanidade, mundo laboral… tanto boas como malas, sen censura. Alugueres, comida, idioma…

Uff! Isto dá moito para contar. Un dos peores aspectos de aquí é xustamente a educación e a sanidade. É sinxelo, se tes cartos podes ter acceso a eles con calidade, senón vas recibir unha educación moi mala que con un pouco de sorte darache acceso a unha mala universidade e polo tanto reduciranse as posibilidades de atopar un traballo ben remunerado. No tema da saúde é igual. Os centros médicos e hospitais son moi precarios e con persoal moi mal formado. O triste é que a maioría da poboación é a que vive nunha situación de pobreza que non se pode permitir pagar 400 euros o mes (algúns incluso máis) por mandar a cada un dos fillos a unha boa escola e pagar o mesmo tempo un seguro de saúde privado que lles de acceso unha boa atención médica. E se en Lima a educación e a saúde pública son malas, imaxinádemos no resto do país, por exemplo no medio da selva amazónica ou nas montañas dos Andes, a 4000 metros de altitude. É moi triste!

Agora imos a pornos un pouco sentimentais. Agora que se achega o Nadal, imaxino que se botará de menos a familia, pero que é o que máis botas en falta destas datas?

Desta vez non vou chegar para o Nadal pero si para Reis. Así que poderei desfrutar duns días coa familia e amigos. Pero a verdade que para min é mais duro non estar no voso verán que nestas datas. Aquí agora estamos con caloriña e pasar un Nadal e un fin de ano na praia fai curar toda a morriña. Sen embargo, cando chega xullo e agosto e aquí o ceo está gris, con orballo e humidade, vólvome tola se non podo ir a Galicia e desfrutar das nosas praias e boa compaña.

Caral, a civilización máis antiga de América, a 180km de Lima

Ademais das festas do nadal, que outras festas estrañas?

O que máis estraño é o patrón da miña aldea, Doniños, no mes de agosto. Pasar dous días coa familia, con boa comida e uns bos cantos….xa sabes, algo que só pasa en Galicia.

E da gastronomía? Xa sabes que niso si somos unha potencia.

Este é un bo tema porque xustamente eu son profesora de historia da gastronomía e una apaixonada da cociña. Para min é un aspecto fundamental para poder estar ben no lugar onde vivo. E non sei si saberás pero dende fai algo máis de dez anos, Perú está vivindo un boom gastronómico, onde a cociña converteuse no seu símbolo de orgullo nacional. Por poñer un exemplo, a maioría das veces que me subo a un taxi, despois de detectar o meu acento estranxeiro, o primeiro que me preguntan é “¿Ya probaste la comida peruana?”. Hoxe en día moita xente quere ser cociñeira de profesión e por todos lados están abrindo restaurantes e universidades nas que estudiar.

É unha gastronomía moi interesante. Como Perú está formada por unha parte de costa, de montañas e de selva ten unha variedade impresionante de produtos. Diríache que das maiores do mundo. Ademais tiveron moitas influencias externas o longo da historia. Despois dos españois e dos escravos africanos que estes trouxeron, viñeron emigrantes da China, de Italia e de Xapón. Todo isto fai unha mistura que é moi curiosa. A min gústame moito a comida de aquí. Incluso teño que recoñecer que é no único lugar, ademais de na nosa terra, onde probei un bo polbo.

Polbo á peruana, con maínzo, boniato e aguacate.

Por outra banda, en Lima estase a poñer de moda a comida orgánica e os produtos artesanais. Cada fin de semana hai feiras en diferentes barrios, onde pódense adquirir practicamente todos os alimentos con moi boa calidade e un prezo moi asumible, se o comparamos con España ou outras partes do mundo, onde por desgracia este tipo de alimentación non é accesible polo seu alto costo.

Unha pregunta máis. Coñeceches algún galego ou algunha galega que estea tamén aí?

Pois algún si coñecín pero non están afincados aquí. Eran persoas que viñan por traballo,sobre todo na construción, durante pequenas tempadas. Unha vez un deles axudoume levándolles un paquetiño de Nadal a miña familia. E logo voltou con chourizos, xamón e queixo de tetilla, para combater a morriña.   

Para rematar, ao igual que nos debates políticos, deixamos os últimos intres para que nos contes o que queiras. Ou como pasaría no Luar, saúda a quen queiras.

Teño moita xente que quero en diversas partes do mundo, empezando por Galicia, pasando por Madrid, Cádiz, Barcelona, Burgos, Fuerteventura, Siena, Berlín, b, París, Bruxelas, Ámsterdam, Noruega, Quebec, Vancouver, México e por suposto Lima. Así que para todos eles mando apertas e bicos de Nadal.

Por último, gustaríame invitar os meus paisanos galegos a que veñan a visitar Perú. Teño a impresión de que a xente so coñece Machu Picchu, as llamas e a xente con gorro e poncho. Por suposto que iso son os estereotipos. Perú é un país cargado de historia, de cultura, de paisaxes fermosas, de xente amable e de boa comida. Así que benvidos todos!!

 

 

 

 

Axúdanos a seguir escribindo mercando algún destes artigos de Amazon ou mercando algo a partir dos links, só se o precisas.

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *